María Xosé Lamas Fernández

Categoría: Profesora, poeta e actriz
Data de Nacemento: En 1961
Lugar de Nacemento: Vilalba (Lugo)

 

Diplomada en Profesorado de Primaria, licenciada en Filosofía e Ciencias da Educación, postgrao en Educación Musical, Grao Elemental en piano do Conservatorio Profesional Municipal de Vilalba (Lugo) no que continúa estudos de Grao Medio, consegue a súa primeira praza como mestra definitiva no CEIP de Muras (Lugo) do que é directora durante seis anos. Na actualidade é profesora de Educación Musical no CEIP M. Mato Vizoso de Vilalba (Lugo).

 

Obras realizadas

Dende 1979 (Grupo Tarabelo da Asociación Fuxan os Ventos) desenvolve un intenso labor no ámbito do teatro afeccionado, como actriz en diversas producións, como autora de máis de vinte obras, a maioría estreadas, así como realizando traducións e adaptacións e dirixindo diversas compañías: Grupo de teatro da A.C. Monseivane (1986-1994), Centro Dramático Vilalbés (dende 1994) Escola de Teatro do CDV (dende 1999). Así mesmo, leva a cabo diversas actividades no eido da pedagoxía teatral, a cargo de programas de teatro escolar con alumnado de educación infantil, primaria e secundaria. Colabora tamén con centros educativos, APAs, asociacións e centros sociais, impartindo cursos e xornadas de teatro, realizando sesións de contacontos, etc. Tamén realizou durante dúas temporadas un programa quincenal de teatro emitido por Radio Principal de Vilalba (‘A escena nas ondas’). Outro campo de interese é súa produción poética, na que destacan as seguintes publicacións: ‘Catro palabras caladas’ (poemario) dúas edicións: 2001 e 2002. Ed. Asociación CDV, ‘Datando lembranzas’ (poemario) 2004, Colección As foulas do Rañego, Ed. Fundación Manuel María e ‘Ao norte do camiño’ no Caderno de Estudos Chairegos (2004). Tamén colaborou en diversas publicacións e revistas literarias como ‘Xistral’ (2003, 2004 e 2005) e ten participado en recitais de poesía.

 

Outros datos de interese

Accésit no Certame Literario do Concello de Vilalba no ano 2002 co poemario ‘Cartafol de nostalxias’.

Premio de poesía no Certame Literario do Concello de Vilalba en 2003 co poemario ‘Tempos verbais’.

Primeiro premio na VII edición do Premio Arume de Poesía para nenos, 2013, co poemario 'Cantigas para aprender a soñar'.

Ademais, ten formado parte de diversos xurados en certames de poesía.

Obras Premiadas