Martiño Maseda Lozano

Data de Nacemento: 28 de novembro de 1970
Lugar de Nacemento: Xoibán, Vilalba (Lugo)

 

Tras estudar EXB nunha escola unitaria mixta da súa parroquia, estudou BUP e COU no Instituto Lucus Augusti da capital lucense. Posteriormente, realizou o primeiro ciclo da Licenciatura de Filoloxía Hispánica no Colexio Universitario de Lugo, para completar o segundo ciclo na Facultade de Filoloxía de Santiago de Compostela, na cal se licenciou en febreiro de 1994. A pesar diso, co paso inexorable do tempo advertiu que non tiña a suficiente vocación para exercer a docencia e que a tarefa da investigación filolóxica resultáballe naquel momento demasiado ardua. O seu era mergullarse no salvaxe océano da fantasía literaria, cando sentía tal inclinación ou cando as ninfas da inspiración decidían facerlle compaña.

 

E, aínda que de neno xa chegara a relatar pequenos sucesos que non transcenderon máis aló dunha infantil inquedanza, a súa andaina literaria naceu no berce dos certames literarios, a mediados dos anos 90, tendo que compaxinar tal afección primeiramente con algún que outro traballo esporádico (distribución de prensa diaria, clases particulares...) e despois co proceso da Prestación Social no Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba, dirixido por D. José María Ramil Soneira. Este período serviulle para desenvolver tarefas de catalogación de anacos da nosa historia evolutiva como pobo ou de apoio na conservación e difusión do patrimonio histórico. Finalizada a devandita etapa de labor social e cando se atopaba inmerso na realización de cursos de formación ocupacional, chegou o seu primeiro agasallo literario, 2º Premio no Certame Xuventude-98 de Narración (1998), organizado pola Xunta de Galicia. De seguido, resultou gañador no Concurso Ourense de Contos para a mocidade (1999) e tamén no Premio de Poesía, O Poeta Azul de Ferrol (2000), seguindo no ano 2001 co 3º Premio no Certame Ágora Conto. Despois dun ano de sombras, volveu acenderse o fulgor das letras no ano 2003 cunha mención no IV Certame Ágora Conto e co 1º Premio de Poesía Pedro Alonso Morgado de Huelva.

 

Entre traballos dispares, como axudante dunha industria cárnica ou operario nunha do sector lácteo chegou ó ano 2004, no que a súa vida sufriu unha fractura, pois un accidente de circulación estivo a piques de custarlle a vida. Despois dun longo período de recuperación, foi premiado no Certame Literario de Vilalba (2005). Circunstancias familiares levárono dun lado a outro nestes dous últimos anos, sen poder centrarse na creación doutro texto literario concreto, aínda que aproveitou para exercer de colaborador no xornal El Progreso, primeiro na sección Tribuna Chairega e despois no suplemento semanal A Chaira, así como en GaliciaDigital e Sermos Galiza, nos que segue amosando fragmentos da súa inconformista personalidade.

 

Posteriormente, conseguiu o 2º Premio no Certame de Narración Curta Ánxel Fole que convoca o Concello de Lugo, cos relatos O mercenario, en 2009, e O pensamento inerte, en 2011, sendo publicados ambos relatos nun libro colectivo. Tamén nos anos 2010 e 2011 repitió con cadanseu segundo premio no Certame Literario de Vilalba cos poemarios "Nos labirintos da alma", publicado en Espiral Maior, e "Entre as paredes do silencio", publicado por Alvarellos Editora no 2013.

 

No encete do 2014 presenta o poemario FOTOGRAMAS DA DESFEITA, editado polo Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), dentro da colección Biblioteca Chairega. E xa no 2015 publica nunha edición colectiva, chamada O recuncho do poeta, levada a cabo polo editor do xornal terrachá.xa, un pequeno poemario titulado XEOGRAFÍA DA DESOLACIÓN. A finais dese mesmo ano (2015) viuse galardoado co 3º Premio no IV Certame de Poesía Manuel Leiras Pulpeiro, co poemario A LINGUAXE DAS PALABRAS ROTAS, o cal está pendente de publicación.

 

Para finalizar, cómpre dicir que o seu vén sendo un xeito de escribir moi particular, despoxado de complexidades na forma e no contido,coa fundamental intención de emocionar e conmocionar ó que lle apeteza converterse en receptor dos seus textos. Unha literatura das sensacións máis ca dos conceptos.

Obras Premiadas