Modesto Fraga e Paulino Pereiro, premios do XLI Certame Literario de Vilalba

O acto de publicidade ao fallo do xurado, tamén serviu para presentar as obras gañadoras da pasada edición do certame editadas por Alvarellos.

 

Modesto Fraga e Paulino Pereiro fanse cos premios do XLI Certame Literario convocado polo Concello de Vilalba. Así o recolle a acta do xurado que sinala como obra gañadora do primeiro premio ao poemario “Adagio por outono” presentado baixo o lema “Giacomo da Lentini” e do segundo premio a “Poemas de ruxido e barruzo” presentado co lema “Barruzo”.

 

Tralo fallo do xurado -integrado polo concelleiro de Cultura, José Antonio Pita, coma presidente; o director da RAE, Darío Villanueva; a xefa territorial de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta en Lugo, María Carmen Gueimunde; o director do grupo Radio Principal, Fidel Fernán; e o xornalista Xulio Xiz que actúa como secretario-, os premios serán entregados o domingo 30 de agosto despois das oito menos cuarto do serán no auditorio municipal Carmen Estévez.

 

Como é habitual, o día anterior ao San Ramón será a data na que Modesto Fraga, de Arteixo, reciba os 3.000 euros dos que se dota ao primeiro premio xunto a un diploma e unha flor natural; mentres que ao ferrolán Paulino Pereiro, lle farán entrega de 1.000 euros, diploma e flor natural.

 

O fallo do xurado facíase público nun acto celebrado o luns 24 de agosto na Casa da Cultura coincidindo coa presentación das obras premiadas na pasada edición editadas por Alvarellos coa colaboración do Concello e a Deputación Provincial: “Abrindo fiestras en carne viva”, de Carlos López, e “Cinza de estrelas”, de Isabel Vázquez.