O primeiro libro dun novo poeta, Aleixandre Lago, Premio do Concello de Vilalba

O primeiro libro dun novo poeta, Aleixandre Lago, Premio do Concello de Vilalba

A obra gañadora da edición nº 44 do veterano Certame Literario do Concello de Vilalba (Lugo). Leva por título "Cartafol de Miraxes" e o seu autor é un novo poeta –e esta é a súa primeira obra–, Aleixandre Lago Barcala (A Coruña, 1992).

 

Consta de 43 poemas onde cada palabra e cada son da música poética están pensados e ubicados no seu preciso lugar. "Cartafol de Miraxes" é un libro de desenganos e de espellismos. Así o resume o autor: “Consta dun mosaico de comúns asuntos humanos; o terror perante a morte, o amor como creador de biografía, a perda da quimera, a vontade de fe, a culpa, etc”.

 

En canto aos aspectos formais, a poesía de Aleixandre Lago combina composicións tradicionais, coma o soneto, co verso libre e métricas diversas, pero sempre atendendo a esa fonda musicalidade da palabra escrita e á necesidade destes versos de seren recitados.

 

"Cartafol de Miraxes" está ilustrado con traballos de Álvaro Peleteiro (collage de portada) e Antonio Reboredo (ilustracións interiores).

 

Aleixandre Lago Barcala

 

Nado na Coruña en 1992, fixo estudos de Filosofía en Barcelona e Filoloxía Clásica en Compostela, e ata hoxe vive entre as tres devanditas cidades. Colaborou coa compañía Teatro do Atlántico en tarefas técnicas, administrativas e artísticas. Traduciu para ela o texto “Dues dones que ballen” de J. M. Benet i Jornet, e participou no recital “De abrentes e ocasos”, como intérprete e mais na escolma de textos.

 

Colaborou con artigos de crítica na revista dixital Parafernalia. En 2014 obtivo o primeiro premio no XV Certame de Poesía Díaz Jácome de Mondoñedo. Cartafol de miraxes, gañador do XLIV Certame Literario de Vilalba, é o seu primeiro libro.