
Vilalba continúa apostando polas letras coa publicación do último poemario premiado no Certame Literario, Meridiano Orixe, de Andrea F. Maneiro, que se converte no vixésimo volume editado por Alvarellos no que xa é "un caso único de lonxevidade", expresou Henrique Alvarellos, en referencia a unha convocatoria literaria que suma 50 edicións.
"Todos os anos é unha sorpresa, chegaron a presentarse ata cen poemarios nunha convocatoria", indicou o editor, que falou desta nova publicación como "un libro sedutor", que combina "o discurso da palabra co discurso da imaxe", "unha guía de viaxes en verso e fotografías", para o que agarda un gran futuro.
Medio século de camiño poético en Vilalba
"Sentimos alegría de terte no noso catálogo e estamos moi contentos por ter un libro que vai axudar a gañar lectores", dixo, e anunciou que unha vez máis, como o ano pasado, os libros gañadores do Certame Literario de Vilalba e os do Certame de Microrrelatos estarán na Feira do Libro de Madrid.
Recital con música
Nun acto presentado por Xulio Xiz, que falou dunha obra que é un "caledidoscopio" e unha autora que é "unha descubridora de mundos", Andrea F. Maneiro defendeu o papel da poesía como "unha caixa de bombóns, que comes a pouquiños", e reivindicou a importancia "de deixar os prexuízos a un lado á hora de viaxar", antes de falar "dun libro de cousas pequeniñas, que non cativas". "Recomendo que as fotos tamén se lean", expresou, e recitou varios poemas acompañada polo músico Manuel Dopico Orjales.
A edila de Cultura, Mónica González, pediu desculpas pola ausencia da rexedora —estaba no congreso provincial do PSOE— e falou da importancia do certame e da súa visión do libro.
Fonte: El Progreso