
O xurado do LII Premio de Poesía do Certame Literario do Concello de Vilalba vén de designar por unanimidade o poemario Fíos, do escritor Jacobo Paz Limia (A Coruña, 1979), presentado baixo o lema Fäden, como merecente da recompensa económica de 7.000 euros e da súa publicación a cargo de Alvarellos Editora. Con máis de dúas décadas de experiencia como guionista audiovisual, o autor leva escritas centos de horas para diversos programas de televisión, ademais de ter participado en series de ficción, documentais ou programas de entretemento, unha ampla bagaxe á que este ano suma dous galardóns literarios nun novo campo, o da escrita poética.
Como foi recibir esa chamada na que lle din que é o gañador do LII Certame Literario de Vilalba? Esperábao?
Cando un envía unha obra a un premio é porque ten algunha esperanza de saír gañador, pero parecía pouco probable que ocorrese. O nivel da poesía en Galicia é moi alto. Nos últimos anos, cinco poetas galegas foron recoñecidas co Premio Nacional e temos moitos autores cunha traxectoria consolidada. Eu apenas acabo de comezar.
Era a primeira vez que se presentaba a esta convocatoria, que o animou a concorrer?
O certame de poesía de Vilalba é o decano de Galicia, ten prestixio literario e conta cunha importante dotación económica. A convocatoria saíu xusto cando rematei de escribir a obra. Eu estaba moi satisfeito do resultado e pareceume unha boa forma de poñela a proba. No xurado deste ano hai grandes personalidades da nosa cultura, así que estou seguro de que seleccionar Fíos foi unha decisión moi meditada. Desde aquí o meu agradecemento a todos eles.
A recompensa é dobre, amaña máis o importante premio económico ou a posibilidade de ver a súa obra publicada?
Eu escribo co propósito de ser lido. Así que ter unha obra premiada que non fose a ser publicada sería frustrante. Os cartos hanse gastar axiña, pero os libros seguirán dando voltas por aí uns cantos anos. Con sorte igual ata encontran algún lector.
Como lle introduciría o seu poemario á aquelas persoas que o vaian ler?
Fíos é un libro sobre todo o que nos ata e todo o que, tarde ou cedo, se nos escapa das mans. Sobre o traballo silencioso de tecer unha vida, punto a punto, sen que ninguén nos ensine como. Sobre a teimosía de aferrarnos ao pasado para poder sobrevivir ao presente e sobre o prezo que hai que pagar por iso.
Fíos fala de emigración, hai unha historia real detrás que servise de inspiración?
Hai moitas historias reais detrás. É a historia de miles de galegas e galegos que colleron un tren a Alemaña nos 60 e 70 cun contrato da man do Instituto Español de Emigración e volveron décadas despois, para vivir na casa que construíron cos cartos feitos no estranxeiro.
Podería ser o argumento dunha novela ou mesmo dunha peza audiovisual, campo no que vostede ten moita experiencia, por que contalo en verso?
É moi complexo sacar adiante proxectos audiovisuais de ficción. Son caros, leva moito tempo producilos e como guionista resulta difícil manter unha visión autoral. Ademais, nunha pantalla todo ten que ser tanxible. A poesía pode empregar palabras comúns, pero combinadas da forma axeitada faiche sentir aquilo que non se pode tocar.
Que percorrido lle gustaría que tivese a obra?
O máis habitual é que as obras de poesía sexan ignoradas. Algo lóxico sabendo que en España se publican uns 700 libros de poesía cada ano e uns 70 estarán escritos en galego. Tendo en conta eses datos, eu considerareime afortunado en canto vexa Fíos publicado. Cada lector que apareza despois vouno contabilizar coma un éxito.
Conseguiu xa dous recoñecementos literarios, con sendos poemarios, 'Kensington' e 'Fíos', no que vai deste ano, estalle collendo o gusto?
Recibir o premio Xosé M. López Ardeiro foi un estímulo para seguir escribindo poesía. Sen Kensington seguramente non existiría Fíos. Por iso é tan importante o labor que fan concellos como Vilalba ou Negreira, que cada ano celebran os seus premios literarios. Grazas a eles van seguir aparecendo autores que, coma min, ven nesas convocatorias unha oportunidade para publicar e dar a coñecer a súa obra.
