Jacobo Paz Limia

Jacobo Paz Limia (A Coruña, 1979) foi gañador do XIV Premio de Poesía Manuel López Ardeiro coa obra Kensington (Medulia, 2026) e conta con máis de 20 anos de experiencia como guionista audiovisual. Actualmente traballa no concurso Atrápame se podes, que superou os mil programas e foi galardoado co Premio Iris 2024 da Academia da Televisión ao Mellor Programa Autonómico.

 

Series de ficción. Creador e guionista da serie diaria Saudade de ti, onde escribiu os argumentos dos seus 180 capítulos e das TV movies Os amantes de Abrente e Que fermoso é vivir en Abrente. Tamén é creador e guionista das catro temporadas da comedia Casa Manola. Participou noutras ficcións de Televisión de Galicia como Pratos combinados ou As leis de Celavella, pola que recibiu o Premio Mestre Mateo da Academia Galega do Audiovisual ao Mellor Guión.

 

Documental. Guionista da longametraxe documental Santos #2. Work in Progress, estreada no International Film Festival Rotterdam, centrada no proceso creativo de Oliver Laxe. Escribiu e dirixiu a serie documental Caminhos de irmandade, coproducida por RTP e TVG, sobre o roteiro de peregrinación entre Lisboa, Fátima e Santiago. Entre outros traballos de non ficción destaca Galicia Caníbal, dirixido por Antón Reixa para TVE.

 

Formatos de televisión. Ao longo da súa traxectoria participou na escritura de programas moi diversos: dende idear as cámaras ocultas en E agora que? até divulgar o patrimonio monumental en Un país en 360, pasando pola coordinación de contidos dos quiz shows Eu sei + ca ti e Gaña a túa sorte. Tamén escribiu sketches para o espectáculo cómico Malo será! e guionizou o reality show O gran camiño. Xunto a estes traballos, desenvolveu formatos propios como Sobre rodas, Maniotas ou Unha viaxe para contar.

 

Teatro. Experto en Cine e Teatro pola Universidade da Coruña. Completou a súa formación en escritura teatral con Manuel Lourenzo, Premio Nacional de Literatura Dramática. Como dramaturgo publicou Elevador (Laiovento, 2005), Peep show (RGT, 2007), Teatro infantil (Laiovento, 2007) e Dependencias (CreateSpace, 2012), volume que reúne pezas breves representadas en máis de 500 funcións. A súa obra Estigma (Laiovento, 2008) foi estreada polo Centro Dramático Galego.

 

Literatura infantil. Autor dos libroxogos Lobishome (Bolanda, 2016) e Maruxaina (Bolanda, 2017), e dos álbums ilustrados A meiga chuchona (Baía, 2018), O tesouro das estrellas (COMG, 2018), Augas de ouro (Bolanda, 2018) e O gatipedro (Baía, 2018).

 

Obras Premiadas