Medio século de camiño poético en Vilalba

O poeta non ten horario
nin fonte de inspiración.
Fala coa súa pluma
das palabras que pensou.
Uns dirán que está tolo,
outros que é intelixente,
outros que non ten que facer,
é poeta naturalmente.

 

Estes versos de Valentín da Mámoa (Valentín Sanjurjo) son algúns dos que recitou o pregoeiro das festas de San Ramón e Santa María, o escritor vilalbés Miguel Barrera nunha intervención onde falou da súa vida, da súa querenza pola poesía e do marco que envolvía o seu discurso, a conmemoración das 50 edicións do Certame Literario de Vilalba, que el mesmo gañaba en 2019.

 

A poesía, e todas aquelas persoas que contribúen á súa existencia, foron a razón de ser da gala celebrada este venres no auditorio municipal de Vilalba, con Xulio Xiz, xurado do certame en 49 edicións (só faltou en 1998, por ser o pregoeiro), como mestre de cerimonias.

 

No acto, por non faltar non faltaron nin as musas que inspiran aos poetas, encargadas de recibir o numeroso público asistente, nin a escritora á procura delas para ter inspiración e exercer o poder da palabra, ese que o pregoeiro descubría ao oírlle ao crego don Jesús recitar a Antonio Machado:

 

Caminante, no hay camino
se hace camino al andar.
Al andar se hace camino,
y al volver la vista atrás
se ve la senda que nunca
se ha de volver a pisar.
Caminante no hay camino
sino estelas en la mar.

 

A "forza destes oito versos" callou nun "rapaz de 15 anos, insubordinado e mal estudante" e obrou nel "un cambio substancial e definitivo", guiándoo para ir deixando testemuña das súas vivencias a través de cadanseu poema. Coma o que lle premiaron un 17 de maio de 1984 no instituto ou coma o primeiro publicado, un canto á Terra Chá que vía a luz, precisamente, no libro das festas de Vilalba de 1988.

 

O facer o catastro en Goiriz, "unha das mellores experiencias que tiven a sorte de vivir", os estudos en Santiago, a violencia de xénero, a morriña, a familia, as ausencias... todo ten o seu oco entre verso e verso da escrita de Barrera, quen tampouco se esqueceu de gabar a riqueza literaria vilalbesa e galega.

 

Aludiu a eses poetas dos que "lemos os seus nomes nas placas da rúas", pero sobre todo aos "que hoxe están entre nosoutros": Uxío, Mero, Ana, Miguel, Rubiños, Sesé, Lis, Luz, Pilar, Martiño, Rafa, Emilia, Brais... Nomes propios que dan conta de que en Vilalba, igual que en Galicia, se está a vivir "unha época dourada, sobre todo na poesía feminina".

 

Unha viaxe dende Carril

 

E para mostra, a gañadora da edición do 50 aniversario, Andrea Fernández Maneiro, quen recitou algúns dos versos de Meridiano orixe logo de dar "infinitas grazas" ao xurado e ao Concello, pola súa implicación co certame, e á familia "por quererme poeta".

 

"Carril é onde empeza e acaba o tempo para min", asegurou ao falar do poemario premiado, que parte do seu fogar para viaxar polo mundo.

 

Son gaivota.

 

Dende terra,
illa e faro nárranme
historias de mostros mariños.

 

Punta Cabalo, A Arousa
(primeiro poema de Meridiano Orixe)

 

E para rematar, púxose "terriblemente seria" e facerlle unha advertencia aos vilalbeses, logo de ter una alcaldesa de Vilagarcía e varios premiados da mesma terra: "En dez anos, témosvos colonizados". Soa ben Vilalba de Arousa?

 

Comisión e asociacións

 

Nin a concelleira de Cultura, Tamara Rodríguez, partícipe nunha escena da Escola de Teatro para introducir ao pregoeiro, nin a alcaldesa, Marta Rouco, se amosaron especialmente preocupadas por esta posible conquista e preferiron agradecerlle á comisión de festas o seu labor e ás asociacións a súa colaboración no que é, como salientou a rexedora, o decano dos certames de Galicia.

 

Porque o que soou ben e emocionou máis foron as actuacións de Entre Lusco e Fusco, Corredores de Sombra, Movemento e a Banda de Música e a Minibanda, que pecharon a gala coa tradicional interpretación do himno galego.

 

Dende as orixes: Loli Soto

 

Mais antes de entoar os versos de Eduardo Pondal, houbo tempo de facer memoria das 50 edicións do Certame Literario. Loli Soto, concelleira da época e fundadora desta, fixo un repaso pormenorizado daqueles primeiros anos dun premio que se iniciaba con varias modalidades. Ata que, como recordaron Xiz e Barrera, pasou a ser só de narrativa e poesía en 1994.

 

En 2004 fixáronse dous galardóns poéticos que trocaron nun, con maior contía (7.000 euros), en 2017, sendo Emma Pedreira a primeira en gañalo con Antídoto, libro que compraba a Raíña Leticia na Feira do Libro de Madrid 2024, como tivo a ben lembrar Barrera.

 

Un total de 117 gañadores (80 en poesía), 51 xurados ou 49 pregoeiros de todos os campos imaxinables son algunhas das cifras dun certame cheo de historia e ao para o que todas as persoas presentes aplaudiron o desexo enunciado por Xulio Xiz: "As mil primaveras enunciadas por Álvaro Cunqueiro". "Queda dito", concluía Barrera. Ata o 30 de agosto de 2025. Ata o LI Certame Literario de Vilalba.