
Andrea F. Maneiro gañou o histórico certame de Vilalba co poemario Meridiano orixe, no que levaba máis de tres anos traballando. Suma así, nunha traxectoria de varias décadas adicada á literatura, un novo recoñecemento a unha lista na que xa figuran o Illas Sisargas, o Eduardo Pondal, o Leiras Pulpeiro ou o Caldaloba.
Cando empezou a escribir?
Escribo dende que aprendín. Agás unha etapa de traballo moi intensa, nunca deixei de facelo, é algo que leva conmigo toda a vida. De feito, coñezo pouca xente que empezara a escribir de vella.
Que significa para vostede?
Escribir é un acto vital e persoal, coma quen ten fillos ou coida dunha mascota, por exemplo. Eu necesito contar cousas sempre e síntoo como unha vía de comunicación conmigo mesma.Na vida hai cousas importantes que non son serias, que se fan case por necesidade, e a min escribir é algo que realmente me apetece e vexo moi necesario no meu día a día, como lle sucede a moita xente.
Que xéneros cultiva?
Principalmente escribo poesía, aínda que ás veces sufro porque é complicado, pero é o que me apasiona. Teño escrito tamén algún microrrelato e algo fixen de narrativa, pero de xeito privado. Gardoa para min porque penso que non se me dá moi ben.
Por que decidiu presentarse ao Certame de Vilalba?
Presentárame noutra ocasión, pero parecíame complicado polas exixencias literarias. A verdade é que non tiña intención de facelo, porque eu non escribo para os concursos senón para min, pero deume un pequeno arrebato por querer participar. Nesta obra levaba tres anos traballando e quería ver como a avaliaban. Ademais, en Vilalba xusto coincidía co 50º aniversario, pero non me esperaba chegar a gañar este certame.
Que supuxo conseguilo?
Unha emoción impresionante, foi unha gran sorpresa e vou recibir o premio coa mesma ilusión que o faría unha nena. En Vilalba hai moitos premiados de renome e poder formar parte dese palmarés é sen dúbida un sentimento incrible. Ademais, esta vai ser xa a miña quinta obra publicada.
De que trata o poemario?
A obra fala de lugares e momentos que foron especiais na miña vida.Quero transmitir as emocións que se viven ao estar en lugares afastados que provocan a mesma sensación que cando se está na casa, mostrar a súa beleza e o seu encanto. Resulta complexo explicalo, pero lendo o poemario enténdese perfectamente o que quero dicir. É apto para todas as idades, tanto para un neno como para un velliño, porque iso é precisamente o que pretendo coa miña poesía, facela accesible para todo o mundo, non exclusivamente para as altas elites.
Que lle interesa máis, a dotación económica ou a publicación?
Os cartos danmos hoxe e mañá xa non están, pero a publicación permanece. Iso é o que de verdade me importa. Ademais, os cartos poden conseguirse traballando, pero para publicar non teño outra vía, por iso cando me presento a algún concurso o primeiro que miro é se está compensado con publicación de obra e, senón o está, xa non me presento. Por outra banda, tamén tiña unha espiña coa Editora Alvarellos, por iso me fai especial ilusión por fin publicar unha obra con eles.
Fonte: El Progreso