
Vilalba é terra de capóns, de queixo de San Simón, de igrexas e de castros, de FIV e da Torre dos Andrade. Se ben a capital chairega tamén alberga grandes personalidades no eido da cultura e, máis concretamente, no da literatura, cada ano convértese tamén no centro da poesía de toda Galicia.
No seo dun municipio antigo e señorial, naceu o Certame Literario de Vilalba, o premio de poesía en galego por excelencia. O certame máis antigo de Galicia celébrase cada 30 de agosto na capital chairega dende o ano 1975. "Somos unha vila de escritores e poetas. A nivel autonómico, canto menos, Vilalba destaca por méritos propios", precisa Tamara Rodríguez, a concelleira de Cultura.
"Xorde en Vilalba porque non podía ser en ningún outro sitio, non por casualidade. Nace debido á esfervescencia cultural dunha xeración de poetas históricos na nosa vila ao longo dos séculos XIX e XX. Por poñer algún exemplo, Mato Vizoso ou Chao Ledo", recorda Xulio Xiz, membro do xurado dende os inicios.
50 anos de concurso
Esta será a quincuaxésima edición dun concurso que "ten por obxecto e finalidade estimular a creación poética e dar continuidade á tradición literaria impulsada polo Concello de Vilalba". Así, a capital chairega mantén a bandeira da poesía 50 anos máis tarde, sendo un prestixio que durante 50 anos consecutivos un Concello manteña a mesma iniciativa independientemente da forza política que o goberne.
"É un dos certames máis recoñecidos no panorama poético galego. Preséntase xente variada, non só de Vilalba senón de todo Galicia, iso fai que se achegue tamén xente de fóra que tal vez doutro xeito nunca darían coa nosa vila", destaca Tamara Rodríguez.
Para conmemorar os 50 anos de concurso, dende a área de Culturado Concello de Vilalba puxeron en marcha a iniciativa 50 días, 50poesías. Baixo esta proposta, 50 vilalbeses relacionados co mundo das letras graváronse lendo os 50 poemas gañadores do certame ao longo das 50 edicións.
Dende o pasado día 12 de xullo fóronse subindo ás redes sociais do Concello os recitais, que comezaron polo do ano 1975 e sucedéndose ata chegar o 30 de agosto, día no que se celebra a gala xunto co pregón que da o pistoletazo oficial ás festas de San Ramón.
Un certame con historia
O autor do mellor poemario inédito escrito en lingua galega, e cun mínimo de 500 versos, recibe unha dotación de 7.000 euros en metálico. Ademais, o Concello faise cargo de publicar a obra premiada través da editorial Alvarellos.
O tribunal literario está formado actualmente por Darío Villanueva, membro da Real Academia Española; Ramón Villares, catedrático de Historia; Xulio Xiz, xornalista, e Fidel Fernán Vello, director do grupo Radio Principal. E a novidade deste ano, é a incorporación dunha voz feminina, a filóloga e escritora vilalbesa Cecilia F. Santomé.
"É emocionante que pensaran en min para o papel de xurado, supón un gran recoñecemento. Penso que é importante incorporar novas visións", sinala Cecilia, que comparte xurado con caras de sempre como Xulio Xiz, que forma parte do tribunal dende a primeira edición en 1975. "É unha honra pola miña condición de vilalbés e vinculado á cultura", destaca Xiz, que incide na calidade das obras. "Hai unha ducia que pefectamente poderían ser premiadas", di.
Recoñecemento para os gañadores
Ao longo de 50 anos son moitos os premios que reparteu o Certame Literario de Vilalba, e tamén son moitas as oportunidades que otorgou. O pasado 2023 o gañador foi o biólogo, artista e poeta vilagarcían Xurxo Alonso, que acadou o mérito coa obra Cartas de Conxo – O legado dás Távora, sumando así un novo recoñecemento á súa longa traxectoria de premios.
O último vilalbés en acadar esta distinción foi Miguel Barrera, que este ano fará de pregoeiro das festas, con Poema da rúa das aves en 2019. "O canto xorde da lenda duns rapaces que puxeron nomes de aves a todos os veciños da Porta de Cima", recorda Barrera á vez que incide en que para el este recoñecemento era "o cumio" e un dos seus maiores obxetivos. Ademais, o poeta lembra que no momento da chamada "estaba tan nervioso que crín que era unha broma".
Outra vilalbesa que se fixo co galardón en máis dunha ocasión é María Xosé Lamas. "É unha motivación que recoñezan e den valor ao teu traballo, pero chega unha idade na que hai que abrirlles o paso aos noveis", explica a poeta, que xa ten varias publicacións.
Outros, sen criarse na vila, séntense parte dela. "Vilalba é a miña patria poética", di Pablo Bouza, que acadou o primeiro posto en cinco ocasións. "Estou moi agradecido ao Certame porque foi o meu punto de partida na poesía", expresa o poeta, cuxo nome se uniu aos de Fiz Vergara Vilariño, Helena Villar Janeiro, Xesús Rábade Paredes ou Yolanda Castaño.
O escritor de Fene é un dos que máis veces repetiu como gañador, xunto con Dario Xohán Cabana, que o fixo en nove ocasións diferentes, e Marica Campo, noutras seis. "Gañar este tipo de premios aporta seguridade porque é unha maneira de testar o que escribes", asegura a escritora do Incio.
Fallo do xurado nesta edición
O tribunal poético deu a coñecer o seu ditame o día 19. Entre as 27 obras presentadas nesta edición, o poemario premiado foi Meridiano orixe, presentado baixo o lema A raposa que anda aos ghrilos. A autora é Andrea Fernández Maneiro, escritora de Carril (Vilagarcía de Arousa) que xa acumula na súa traxectoria galardóns e recoñecementos como o Eduardo Pondal ou o Leiras Pulpeiro, entre outros.
"Foi unha gran sorpresa e vou recibir o premio coa mesma ilusión que o faría unha nena", explica a escritora, que recoñece que levaba tres años traballando nesta obra poética. O premio entregarase o venres día 30 ás 19.00 horas no auditorio municipal, como cada ano, durante o pregón que da o pase oficial ás festas de San Ramón e Santa María.
Antecedente, primeiro certame da Terra Chá
A Terra Chá acumula ás súas costas un bo legado de poetas e autores que compartiron a arte da súa literatura ao longo de varias décadas de dedicación ao mundo das letras. Así, en 1963, a comarca lanzou un certame con epicentro en Vilalba.
No ano 1964 celebrouse a primeira edición do concurso, e escolleu a Vilalba como centro da organización, onde estivo oito anos ata o traslado a Guitiriz. Mais as dificultades de instalacións por parte do resto dos concellos impediron continuar co desenvolvemento do certame e, finalmente, en 1974 desapareceu.
Non conformes, os vilalbeses non podían deixar que morrese unha xeración poética tan potente como fora a dos séculos XIX e XX. Só un ano máis tarde, a concelleira Loli Soto levou a pleno a proposta de recuperar o concurso poético de forma descentralizada, xa dende a vila. Dende entón, o Concello de Vilalba mantivo a iniciativa ano tras ano, independientemente da forza política que estivese no poder. "Isto demostra que, por enriba de todo, na capital chairega se mantivo e se mantén o espírito da poesía", di.
Aínda que o certame vilalbés sempre tivo como principal razón de ser a poesía, nos seus inicios tamén contaba con premios de narrativa e xornalístico. Porén, ao longo das 50 edicións déronse varios cambios que fixeron evolucionar tanto as bases como a cuantía do concurso.
Fuente: El Progreso